Friday 10 de May de 2024

Oleiros destina un millón de euros en obras de mellora de rúas, sendas e redes de saneamento


Un novo paquete de obra pública está a piques de iniciarse en Oleiros, co arranxo de varias rúas, sendas e redes de saneamento. En conxunto sobrepasan o millón de euros de orzamento e grazas a elas conseguirase mellorar a calidade de vida das persoas que as utilizan a diario, a seguridade viaria e evitar problemas de inundacións.

Por unha banda, nas parroquias de Oleiros, Nós e Serantes levaranse a cabo o arranxo das rúas Brea, A Barcala, Espadana e un treito da rúa Fornos. Son obras que afectan sobre todo ás capas de rodadura. Este grupo de actuacións costa case medio millón de euros.

Por outra banda, no tramo final da rede xeral de saneamento na intersección da Avda. Rosalía de Castro coa Avda. das Mariñas, preséntase un problema de falta de capacidade das conducións, o que está a provocar numerosos episodios de alivio e desbordamento coincidindo con episodios de choivas intensas polo que coa fin de garantir unha correcta recollida e evacuación das augas da Avda. Rosalía de Castro, e co obxecto de evitar posibles desbordes, procederase á ampliación da capacidade do colector no tramo final desta avenida, instalando unhas novas tubaxes coa sección adecuada.

Finalmente na parroquia de Iñás, unha obra servirá para acondicionar a Rúa Piñeiro, por un valor aproximado de 300.000 euros. Os traballos consisten en renovar a capa de rodadura da calzada, a canalización da rede de pluviais en diversos tramos e a correspondente reposición da sinalización vial. Trátase dunha vía que conecta a provincial 1707 coa autonómica AC221 e que se utiliza para conectar Cambre con Oleiros.